A lingua galega estivo presente na Expolíngua Portugal - Salão Português de Línguas e Culturas, celebrada entre o 4 e 6 de marzo no Centro de Congressos de Lisboa, situado ao pé da Ponte 25 de Abril no barrio lisboeta de Alcântara.

A mostra, que tiña como lingua convidada a Lusofonía, está dirixida principalmente a un público adolescente que quere dirixir os seus estudos cara á formación en linguas.

No stand da SXPL atendemos as demandas dos visitantes un equipo de colaboradores con diferentes acentos da lusofonía: María, Andrea e Miguel pola banda galega, Pedro e Cátia (de orixe mozambicana) pola banda portuguesa.

Ao longo da Expolíngua ofrecéronse dúas mini-aulas de galego, as cales estiveron bastante concorridas e supuxeron o primeiro contacto co galego para bastantes rapaces portugueses.