O Planeta do Galego como Lingua Estranxeira
O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Kiel acaba de publicar dous novos libros. Por un lado a antoloxía de poesía galega en edición bilingüe (galego–alemán) Ein Rosenfeuer, das uns verstört: 4 dichter aus Galicien / 4 poetas galegos (Ludwig Verlag, Kiel) e por outro a antoloxía de textos xacobeos Alá no noroeste… Unha cartografía literaria do Camiño en León (Lobo Sapiens, León) (máis información).
Hoxe terá lugar na cidade alemá de Kiel a presentación oficial dos dous volumes dentro do simposio internacional “Ciudades imaginarias – ciudades en la historia. La geografía literaria de Gonzalo Torrente Ballester y otros escritores de Galicia” que se vai celebrar en Kiel entre o 1 e 3 de xullo. Neste simposio que vai reunir a profesores de Galicia e do resto de España, Alemaña, Suíza e Francia analizarase a obra narrativa do autor galego e doutros autores contemporáneos nacidos en Galicia como por exemplo Álvaro Cunqueiro, Domingo Villar, Manuel Rivas, Inma López Silva, María Lado… aproveitando o primeiro centenario do autor ferrolán.
A antoloxía de poesía galega leva no título un verso de Antón Avilés de Taramancos sobre Rosalía de Castro (Un incendio de rosas que nos perturba) e inclúe a catro autores galegos: Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio L. Valcárcel, Xosé María Álvarez Cáccamo e Manuel Rivas. O libro, editado polos profesores Javier Gómez-Montero (Universidade de Kiel) e Luciano Rodríguez (Universidade de A Coruña) é unha escolma de textos nos que os catro autores dannos a súa visión sobre a realidade do home contemporáneo, sobre Galicia, a súa paisaxe, o mar pero sen esquecer os traumas colectivos causados pola súa historia máis recente e as cidades coa súa cultura de masas. A tradución do galego ao alemán realizouse dentro do Taller de Tradución Literaria da Universidade de Kiel, baixo a dirección do Dr. Víctor Andrés Ferretti, Frank Nagel e a Dr. Petra Strien-Bourmer.
Alá no noroeste… Unha cartografía literaria do Camiño en León é unha escolma de textos, contos, relatos de viaxe e poemas sobre a topografía xacobea en León e Galicia, obra de escritores galegos e leoneses. Estes textos, ás veces textos de ficción e outros de vivencia persoal cartografan o paso do Camiño Francés polo occidente peninsular e fan do Camiño un territorio sentimental polo que van transitar escritor e lector. Esta é a tradución do libro presentado en castelán no ano 2009, Allá en el noroeste… Una cartografía literaria del camino en León, tamén publicado pola editorial Lobo Sapiens e editada polo coruñés Javier Gómez-Montero, catedrático de literatura na Universidade de Kiel.
Máis de 40 centros arredor do mundo están encargados de espallar a lingua e a cultura galegas. Aquí poderás saber exactamente qué facemos e contactar con nós.
Deixa un comentario
You must be Logged in to post a comment.