O Planeta do Galego como Lingua Estranxeira
Este
inverno foi duro nas terras do Norte.
Había ben tempo que a memoria da neve non rexeitaba con tanta teima o abandono definitivo das paisaxes. Tivo que chegar unha banda chegada dos confíns da antiga Gallaecia, e ao seu abeiro se reuniren alumnos de galego e profesores desta lingua para recibir a chegada da que sen dúbida será lembrada como a Primavera de Varsovia.
Os lectores (en galego non hai xénero) de galego de Kiel, Berlín, Tubinga, Varsovia e Heidelberg reuníronse por vez derradeira esta pasada fin de semana en Varsovia para convocar a chegada do bo tempo e conxurar o inverno. Conseguírono. O antídoto definitivo contra a vertixe da friaxe tróuxoo a banda Ataque Escampe coa súa música de veludo de camariñas e letras de amor irónico e sentido. Nunca poderemos dicir que a chegada da luz foi responsabilidade única do grupo galego, tampouco que foi cousa exclusiva dos lectores nin dos alumnos ou o público, probablemente foi debida a unha conxunción de tódalas cousas, máis a ledicia e o bo facer de organizadores e participantes. Galicia es una mierda, Alcatraz, Serafín, foron algún dos temas tocados durante o concerto. Foi, sen dúbida, un éxito. Podemos dicir co peito alto dabondo que todos xuntos trouxemos a luz á Primavera de Varsovia despois de tan longo inverno.
É tradición xa que os lectores de galego de Alemaña e Polonia (repito que en galego non hai xénero, o xénero póñeno outros) se reúnan dúas veces ao ano para debater sobre as súas respectivas situacións, organizar actividades conxuntas e realizar propostas de traballo. Esta unión deu os seus froitos e podemos falar xa dunha irmandade xermano-eslava. Como brillaba o sol en Varsovia, carallo. De gris non tivo nada a capital polaca. Como tocaron os de Ataque Escampe, daba gloria escoitalos. Se os de Eurovisión puideran conectar o sábado en directo co local Lorelei da rúa Widok 8 de Varsovia unha nova luz agromaría nos pobos de Europa.
Catro dos cinco lectores de galego (que non hai, home, que non hai xénero) acaban este verán o seu labor docente como tales. Por esta razón a reunión tivo un arroubo especial. O lector que queda pode dicir que aprendeu moito dos que se van e espera estar á altura.
Cando llo contas á xente mírante con cara rara: Ataque Escampe trouxo a primavera a Varsovia. Tocaron alá o sábado pasado con motivo dunha reunión de traballo dos lectores de galego da irmandade xermano-eslava. Había unha alumna polaca que poñia medo como falaba galego. Leu trinta libros en galego que comprou nunha estancia de dúas semanas nunha aldea de Galicia. En Polonia hai unha interesante canteira de estudantes da nosa lingua (vedes como non hai xénero).
Non sabemos aínda a que cidade teremos que levar de novo a luz ao fin do próximo inverno. Tampouco sabemos cando lle pagarán á lectora de Varsovia (leva case un ano sen cobrar, a de lector non é vida doada). Mais a conxunción dos astros será outra volta propicia. E que chova. Para que Escampe.
Diego
You must be Logged in to post a comment.
Máis de 40 centros arredor do mundo están encargados de espallar a lingua e a cultura galegas. Aquí poderás saber exactamente qué facemos e contactar con nós.
Ana S.
3 Xuño 2010 ás 2:30 pm
E que pouco dorou o sol… Xusto o domingo pola noite empezou a chover e así seguimos.
Bicos