As actividades dos meses de abril e maio comezaron co ciclo de documentais Olhares da Fronteira.
O ciclo celebrouse nun dos centros culturais máis dinámicos da zona antiga da cidade, O Centro Mário Dionísio, nunha aposta por axudar á dinamización do barrio da Mouraria, e por axudar á difusión da cultura galega fóra do ámbito universitario.

Numeroso público acompañou as proxeccións dos documentais Galegos de Cá e Lá e Mulleres da Raia e os animados debates que se realizaron a continuación, os cales axudaron a coñecer a cultura transfronteiriza das terras da raia.

Arredor do día das Letras Galegas, continuou o intercambio cultural entre Galiza e Portugal en Lisboa. Unha iniciativa musical: a actuación do grupo de música tradicional Os Estalotes, trouxo moita festa á Xuventude de Galicia- Centro Galego de Lisboa.
A continuación houbo un convivio de músicos tradicionais galegos e portugueses na Casa da Comarca da Sertã, onde as diferentes sonoridades das pandeiretas, adufes e gaitas de diferentes procedencias animaron o Terreiro do Gaiteiro até ben entrada a noite. Fica aquí un pequeno video do momento.

A literatura tampouco ficou fóra nas actividades destes meses, ao celebrarse na Xuventude de Galicia unha conferencia impartida polo lector de galego sobre a figura de Uxío Novoneyra, a conversa foi acompañada de poemas musicados ou recitados polo propio escritor.