O Planeta do Galego como Lingua Estranxeira
Na sede desta asociación de apoio ao inmigrante, situada nun belo edificio pombalino da Baixa Lisboeta, celebrouse o sábado 5 de decembro unha cea da Galiza, dentro da súa programación de encontros interculturais.
Ademais do apoio de Solidariedade Imigrante, e a colaboración de voluntarias da asociación como Clarance e Ana, o evento contou coa presenza de expertos cociñeiros galegos, nomeadamente, Luzia, Alba, Mariola e Miguel. Os cales se esforzaron para que a cea fose todo un éxito, e o menú deixase satisfeito a todos os presentes.
Despois de dar conta das empanadas, pementos, polbo e filloas, a sobremesa continuou coa elaboración dunha queimada e a degustación do noso licor nacional: o licor café.
Logo a seguir, a actuación de Sara Vidal e as súas alumnas de pandeireta deixaron marabillados aos asistentes, ademais de animar a sala, onde xa foran escoitados noutras noites pandeiros do Brasil ou de Cazaquistán.
O intercambio cultural non rematou aquí, pois a continuación Luzia Teixeiro e David Mesa encargáronse de falar sobre a forte emigración galega que recibiu Lisboa ao longo da historia da cidade, abrindo un debate na sobremesa que incidiu sobre a idea de que se ben a Europa está recibindo na actualidade os maiores fluxos migratorios de poboación, no pasado foi o continente que máis emigrantes enviou a África e América.
Tamén se apuntou que este feito non é valorado á hora de afrontar a chegada de cidadáns doutros países a cidades cunha marcada condición
intercultural, como é o caso de Lisboa.
Este interesante intercambio de ideas, onde se falou do fácil que é esquecer, deu por finalizada máis unha cea do grupo de Interculturalidade e Cidadanía da Solidariedade Imigrante.
Máis de 40 centros arredor do mundo están encargados de espallar a lingua e a cultura galegas. Aquí poderás saber exactamente qué facemos e contactar con nós.
Deixa un comentario
You must be Logged in to post a comment.