O Planeta do Galego como Lingua Estranxeira
Un moi bo recordo deixou en Lisboa a festa de peche no Bacalhoeiro da I Xuntanza da Xuventude Galega Europea.
A noite, neste local da Rua dos Bacalhoeiros, comezou cunha cea protagonizada polo Bacalhao com natas e continuou coa proxección da curtametraxe/documental Bata por fóra muller por dentro, presentada pola propia directora Claudia Brella, convidada polo Centro de Estudos Galegos.
A curta incidía na función simbólica desta prenda de vestir de uso masivo entre a muller do rural galego. Moitos dos asistentes decidimos vestir esta prenda parte da noite, comprobando o xeitosas e abrigosiñas que son, a súa funcionalidade e o bo vestir que dan.
Á esquerda da imaxe, Igor, estudante de galego, vestindo unha elegante bata de alivio mentres conversaba con Claudia Brenlla sobre as funcións da prenda.
Despois da proxección, era o tempo dos concertos, que comezaron co sorprendente Miguel Harguindey, quen nos mostrou que se pode crear música eléctronica xogando ao parchís…
A seguir, o rapeiro Carlos, de Granpurismo, acompañado entre o público polos seus avós, marcouse un feixe de rimas, que culminaron coa famosa canción Pardeconde, da cal podedes escoitar un anaco en directo no seguinte video. 
Como sobremesa, chegou a hora de subiren ao escenario The Homens. O grupo compostelán fixo unha das mellores actuacións que se lembran na sala, e o público acompañou…facendo que os rapaces do Castiñeiriño só pararan de tocar cando non podían máis.
Foi de agradecer, que ademais de cancións xa coñecidas como Calamar, tocaran algunhas novas que farán parte do seu próximo disco. Aquí fica un pequeno video, que non fai xustiza á boa acústica que gozou o concerto.
Finalmente o DJ Rubalkavra, encargouse de que a xente non parara de bailar até que os empregados da sala decidiron acender as luces e comezar a varrer o local xa mediada a madrugada.
Ao mesmo tempo que foi unha boa despedida para a xuntanza, a Noite Galega no Bacalhoeiro, aproximou varias mostras da creación cultural contemporánea de Galiza á cidade do Tejo nun dos seus espazos culturais máis activos.
Máis de 40 centros arredor do mundo están encargados de espallar a lingua e a cultura galegas. Aquí poderás saber exactamente qué facemos e contactar con nós.
Deixa un comentario
You must be Logged in to post a comment.