A semana pasada sentíase falar galego polas rúas de Zadar: os estudantes de Lingua Galega do noso CEG explicábanlle a Séchu Sende a historia da súa cidade. O “escritor e activista galego”, tal e como o describían os xornais dálmatas, honrounos coa súa presenza durante as III Xornadas das Linguas e Culturas Iberorrománicas.

A lingua galega non era a única que se escoitaba. Xunto co galego estaban presentes as outras linguas románicas da península na voz de Xandru Fernández (asturiano), Inma Luna (castelán), Màrius Serra (catalán) e José Luís Peixoto (portugués). O martes 12 ás seis da tarde, os escritores facían unha lectura pública dalgúns dos seus relatos no antigo Arsenal veneciano da cidade. A lectura ía acompañada da proxección dos relatos en croata, traducidos polos estudantes do Departamento de Iberorrománicas.

Eran os mesmos estudantes que levan un mes de loita, pechados na Facultade de Letras, e non por iso deixaron de asistir ás aulas de todos os escritores e profesores convidados. E cando o goberno da Universidade os botou fóra, non se renderon. Alí, diante da Facultade e rodeado de pancartas en favor dun ensino superior gratuíto, Séchu Sende engaiolounos durante dúas horas. Falou do proceso de formación do estándar galego, de Rosalía, dos castelanismos cos que convive a nosa lingua, de cando fixo ouigha co espírito de Castelao, do seu “Método de Hipnose para falar galego” e de moitas cousas máis. E mesmo hipnotizou a dúas alumnas cun péndulo croata, e leu telepaticamente as palabras que Mirna e Ana estaban a pensar: “Nunca máis” en galego e, aínda máis difícil, “Blokada” en croata!

E para rematar as Xornadas queriamos comprobar se a rakija, a augardente croata, ardía ou non. E ardeu. A primeira Queimada da historia na que o esconxuro se escoitou en galego e en croata. Aquela noite ninguén en Zadar preguntaba que era iso de Galicija e Galješki. Mais preguntaban se non imos traducir o libro Made in Galiza enteiro. Pagou a pena. Graciñas Séchu. Ou como din acó: fala!